"A poesía, din, é a memoria do mundo". Juan Marqués
A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para
descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular
esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na
música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos
seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa
música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto
que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a
abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento
científico (eses escutoides descoñecidos até agora), nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima...
POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o
lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación
Profesional propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019,
como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos
recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz
foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este
fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos
galegos.
Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a
poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e
dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e
destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas...
Poéticas diversas convida a asolagar
as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a
xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a
excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades,
a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica
galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e
son.Texto extraído de BEGA
Comentarios
Publicar un comentario